martes, 3 de febrero de 2009

A negrura do mar

“Reúne tres historias dos "arquivos de Sheila e Said":
A negrura do mar: Conta Sheila a súa primeira aventura no mar, antes de "Ameaza na Antártida", no ano 2076. Un día leron que estaban chegando á Costa da Morte manchas de hidrocarburos, aínda que había anos que se abandonara a explotación de petróleo e carbón, substituídos por enerxías máis limpas. Desprazáronse ata a zona, onde Lela, unha anciá, lles deu catro cartas (que se reproducen) que lle enviara o seu irmán mariñeiro Daniel no 2002. Nelas relátalle como a marea negra do Prestige asolagou as costas galegas e mentres o goberno intentaba rebaixar, enganando, o impacto ambiental, a xente houbo de facerlle fronte, nunha marea de solidariedade, á catástrofe ecolóxica.
Refire logo Said a súa dedución de que ao non circular xa barcos petroleiros, o vertido só podía provir de un afundido anos antes. Alugaron un transportador submariño e seguindo o vello "corredor da morte" de Fisterra deron coa orixe: un xigantesco petroleiro afundido no fondo mariño, con moitas fendas polas que ía escoando a mestura de hidrocarburos que transportara. Nas illas Caimán, onde estaba inscrito o barco (oficialmente desmantelado dous anos antes), entrevistáronse co director do banco a través do que operaba a misteriosa compañía navieira e conseguiron chegar ata o maior traficante mundial de petróleo, oficialmente en paradoiro descoñecido, facilitándolle á policía a súa captura con gran risco para as súas vidas.
A primeira aventura figura no volume colectivo Historias para calquera lugar e na edición especial de As aventuras de Said e Sheila.
O misterio do prión recolle a que, segundo Said (narrador único), é realmente a primeira aventura del e a súa irmá, cando el estaba para cumprir os 9 anos e Sheila xa tiña 7, polo 2074. En Loreda, o amigo Brais andaba preocupado pois as avestruces da granxa de seus pais tiñan unha estraña enfermidade: non rexían coas pernas, volvéranse agresivas e rañábanse seguido. Buscando na rede informática, Said atopou referencias a unha enfermidade dos años no XVIII cos mesmos síntomas: descoordinación no movemento e deterioración nerviosa. Ao día seguinte, a granxa estaba en "illamento biolóxico", controlada por persoal de seguridade. Os pais de Brais aceptaran unha indemnización e íanse trasladar para a cidade. Como os veterinarios negáronse a encontrarse con eles, os rapaces entraron nos seus arquivos informáticos e descubriron que o mesencéfalo das avestruces e o das vacas afectadas pola EBB ou mal das vacas tolas, que se dera a finais do 2000 en Galicia (empezara no Reino Unido e afectara tamén aos humanos), era igual: destruído o seu encéfalo ata deixalo como unha esponxa chea de buratos. E tamén o das ovellas dous séculos antes. A culpable era unha proteína afectada, ou prión, que acababa destruíndo as neuronas do encéfalo. Na granxa atoparon sacos baleiros de pensos feitos con fariñas cárnicas, enterrados porque non podían ser usados na alimentación de animais destinados ao consumo humano. O prión conservárase nos pensos dunha partida sacada ilegalmente de Gran Bretaña e almacenada a finais do XX nun país de África, que anos despois estaba sendo introducida clandestinamente de novo en Europa. Os pais de Brais, que estaban pasando un mal momento económico, vendo a ocasión de obter beneficios rápidos, déranllelo de comer ás avestruces. O profesor Souto, un vello veterinario, felicitounos como heroes.
Estas historias forman parte da serie As aventuras de Said e Sheila, integrada polos libros Perigo vexetal, Ameaza na Antártida e O futuro roubado”.


Autor: CARIDE, Ramón
Ilustracións: PRADO, Miguelanxo
Editorial: Edicións Xerais. Colección Merlín, 143
Ano: 2004
Extensión: 163 p.
ISBN: 84-9782-213-7

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.