martes, 10 de febrero de 2009

Cando os animais falaban


“«Cando os animais falaban» é un tempo mítico en que se sitúan un grande número de contos populares, de sucesos fantásticos e marabillosos, sobre todo protagonizados por animais, coma os cen que se recollen neste volume preparado por Xosé Miranda e Antonio Reigosa. Ese tempo mítico pérdese na noite dos tempos e lévanos a unha época remotísima, de aí que esta frase apareza como fórmula de entrada de contos e relatos, sobre todo dos contos de animais e dos contos marabillosos e de maxia, moi similar a outras ben coñecidas como «Érase unha vez», «Desta era» ou «Nos tempos de Maricastaña». O cento de contos que se recollen neste volume, cada un deles ilustrado fermosamente a toda cor por Andrés Meixide, están tirados todos eles da tradicón oral galega; todos eles refírense ós tempos primitivos, os tempos da creación, cando se decidiu que as cousas fosen como son, que o carrizo fose pequeno, que a silveira dese amoras e que a cobra non tivese patas. Son contos populares que explican, a súa maneira, por que as cousas son dese xeito e non doutro. Neste libro, singularmente fermoso, quedan explicadas a orixe e a causa de moitos fenómenos naturais e conductas humanas: ¿por que os corvos non son fachendosos?, ¿por que a andoriña é un paxaro que trae sorte?, ¿por que o moucho chama sempre polos bois?, ¿por que os paxaros fan niño?, ¿por que no inverno non se ve o cuco? ¿como se alimentan as follas das árbores? Son algunhas das preguntas que se responden neste volume, cuestións que quedan explicadas dun xeito tan inxenuo e plástico como fermoso. Un libro imprescindible para coñecer e gozar e rir cos nosos mitos fundacionais, que poden compararse cos de calquera outro pobo do mundo”.


Autores: MIRANDA, Xosé – REIGOSA, Antonio
Ilustración: MEIXIDE, Andrés
Editorial: Edicións Xerais
Ano: 2000
Extensión: 106 p.
ISBN: 84-8302-907-3

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.